Monday 06 de May de 2024

Medio Rural aposta pola transformación dos productos agroalimentarios para impulsar as explotacións do rural



A conselleira do Medio Rural visitou queixería Queizuar-Queixería Bama ubicada en Touro, unha compañía que aposta pola I+D+I e que confía en ter no mercado a finais do 2017 ou inicios do 2018 un producto lácteo funcional destinado ao segmento senior

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou hoxe a importancia de apostar pola transformación dos produtos agroalimentarios para favorecer a viabilidade das explotacións ao aportar valor engadido ás producións e facilitando o seu acceso aos mercados. “A través destas industrias foméntase a creación e mantemento de postos de traballo, beneficiando ao tecido económico das zonas rurais”, declarou Vázquez, polo que son un “elemento clave para o desenvolvemento das zonas rurais”. A titular de Medio Rural fixo estas declaracións no marco dunha visita á queixería Queizuar (Queixerías Bama), ubicada no concello de Touro, que recibiu ao longo dos últimos anos este tipo de axudas. Obtivo subvencións por valor de 419.886 euros, para un investimento total superior ao millón de euros co fin de modernizar e mellorar as súas instalacións.

Queizuar (Queixerías Bama), aposta nos últimos anos pola I+D+i e colabora coas tres universidades galegas en proxectos de investigación. Entre 2015 e 2017 ten previsto investir 600.000 euros en innovación. O departameto de I+D+i de Queizuar, que dirixe Ángel Pereira, traballa no eido do envellecemento activo. A compañía, según este executivo, confía en ter un producto lácteo no mercado a finais do 2017 ou inicios do 2018. “Sería un producto lácteo funcional destinado ao mercado senior”. Ángel Pereira non quere dar máis detalles. E indica que a compañía tamén traballa no desenvolvemento de novos productos funcionais coa valorización do soro do leite. Tamén teñen previsto poñer a disposición doutras compañías a tecnoloxía que desenvolvan no departamento de I+D+i.

A conselleira de Medio Rural estivo acompañada na visita a factoría de Bama de Benigno Pereira e Ángeles Calvo, socios da compañía; de Ignacio Codesido, alcalde de Touro; e de Belén do Campo, directora xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias. Tamén acudiron os seguintes concelleiros de Touro: Adela Iglesias, Jesús Martínez Pereira e Manuel Puga García.

Queizuar-Queixerías Bama emprega a 36 traballadores e produce preto dun millón de kilos de queixo ao ano. No último ano e medio incrementou a súa plantilla de empregados nun 40%. A Cooperativa Pico Sacro, que conta con socios gandeiros fundamentalmente nos concellos de Boqueixón, Vedra, Touro e O Pino, suministra unha media de 45.000 litros de leite a Queizuar-Queixerías Bama. Son proveedores dende fai máis de 20 anos. A empresa Queizuar factura arredor de 5 millóns de euros ao ano e o seu principal mercado está en Galicia.

Por outra banda, este ano a Xunta achega 25 millóns de euros para as industrias agroalimentarias no marco do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Estas axudas se traducirán nun investimento de preto de 68 millóns de euros para Galicia. En total, 59 proxectos empresarias se beneficiarán este ano destas achegas e entre eles destacan os relacionados co sector lácteo, xa que representan preto do 58% do orzamento total ao recibir 14,5 millóns de euros de cara a un investimento total subvencionable de 38,3 millóns de euros.

Durante a súa visita a Queizuar-Queixerías Bama, a conselleira do Medio Rural sinalou a esta queixería situada en Touro como un exemplo de modernización do rural. Esta empresa, que conta cunha das marcas referencia de calidade dos queixos galegos, Bama, ten levado a cabo nos últimos anos proxectos de aforro enerxético e melloras nas liñas de etiquetado, así como investimentos en depuración e outras melloras tecnolóxicas. A compañía elabora queixo Denominación de Orixe Protexida (DOP) Arzúa-Ulloa, queixo Tetilla DOP e queixo fresco.